Saturday 04 de May de 2024

O ISSGA impartirá ese mes de xuño dous cursos de traballos temporais en altura e en espazos confinados


― Os cursos, de cinco edicións cada un cunha duración de oito horas lectivas nunha única xornada, impartiranse nas localidades de Santiago de Compostela, Vigo, Arteixo (A Coruña), Lugo e Vilamarín (Ourense)

― Diríxense a traballadoras e traballadores do sector da construción e afíns, tanto persoas autónomas como empregadas en pemes e micropemes, así como persoas en situación de desemprego

A seguridade nos traballos temporais en altura e a formación en medidas preventivas para espazos confinados protagonizarán sendos cursos impartidos polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), dependente da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

Os cursos, de oito horas lectivas cada un, están dirixidos a traballadoras e traballadores do sector da construción e afíns que sexan persoal traballador autónomo ou empregados de pemes e micropemes. Ademais, esta oferta está tamén aberta ao resto de persoal traballador do sector da construción e persoas en situación de desemprego. Dentro do programa formativo inclúese a identificación de equipos de traballo específicos e tipos de Equipos de Protección Individual (EPI), de planificación de traballos en altura ou coñecementos de protección colectiva, entre máis contido, no caso do primeiro curso. No segundo o temario abarca contidos como os diferentes tipos de espazos confinados, identificación de riscos ou introdución ás técnicas de rescate e operacións de salvamento en espazos confinados, xunto con máis materia.

O primeiro curso, Seguridade nos traballos temporais en altura: requisitos, equipos e técnicas fundamentáis impartirase o 14 de xuño Vigo; o 15 de xuño no Polígono de Sabón, en Arteixo (A Coruña); o 17 de xuño en Santiago de Compostela; o 22 de xuño no Parque empresarial de Vilamarín, en Vilamarín (Ourense) e o 28 de xuño en Vilaestevez (Lugo). Pola súa banda, o segundo curso, Medidas preventivas para traballos en espazos confinados, darase os días 16 de xuño no Polígono de Sabón, en Arteixo (A Coruña); o 21 de xuño de 2021 en Vigo; o 23 de xuño no Parque empresarial de Vilamarín, en Vilamarín (Ourense); o 24 de xuño en Santiago de Compostela e o 29 de xuño en Vilaestévez (Lugo).
As persoas interesadas en ampliar a súa formación e coñecemento con estes cursos poderán presentar as súas solicitudes ata cinco días antes do comezo de cada curso, que poderá ser ampliado ata un número máximo de 12 persoas alumnas por edición. Para realizar a solicitude debe remitirse a inscrición ao correo flc.galicia@fundacionlaboral.org con copia do DNI e no seu caso, documento que acredite a prioridade na selección. En caso de dúbida ou desexo de máis información as persoas interesadas poden chamar ao 981 983 536.

A Xunta continúa deste xeito a súa labor formativa para acadar contornas laborais máis seguras e con persoal máis cualificado, colocando a saúde laboral e o coñecemento como eixos básicos da dinamización económica da Comunidade.